Monday 01 de July de 2024

Centros de FP de Vigo, A Coruña, Ferrol, Burela, Lugo, Monforte e Ourense proclámase vencedores dos retos da primeira edición de InnovaTech FP 


 

— Os participantes tiveron que afrontar a solución de 10 retos tecnolóxicos presentados por distintas empresas referentes da nosa comunidade

— Resultaron gañadores os centros integrados de FP Valentín Paz Andrade, Imaxe e Son, Ferrolterra, Portovello e Politécnico de Lugo, así como os institutos Politécnico de Vigo, A Sardiñeira, Perdouro e A Pinguela

— Deron resposta aos retos propostos por Viaqua, Pérez Rumbao, Diesemm, Finsa, Aceites Abril, L’Oreal, elPulpo, Roberto Verino, Fundación San Rosendo e Naturgy

— “As propostas premiadas neste acto son pioneiras e un exemplo do gran potencial que atesoura a nosa FP para contribuír a dar un salto de calidade tecnolóxico e innovador ao tecido produtivo galego”, destaca o conselleiro

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, presidiu hoxe a entrega de premios da primeira edición do certame InnovaTech FP a centros de Vigo, A Coruña, Ferrol, Burela, Lugo, Monforte de Lemos e Ourense, un programa que sinalou como “revolucionario para o apoio da formación tecnolóxica e dixital dos futuros profesionais, ao tempo que redunda positivamente no tecido produtivo”.
O titular do departamento educativo galego explicou que o programa naceu este curso para poñer de manifesto a importancia de responder ás necesidades reais do tecido produtivo apoiándose na innovación tecnolóxica e no emprendemento, retando aos estudantes a resolver as propostas das empresas. “As propostas premiadas son pioneiras e un exemplo do gran potencial que atesoura a nosa FP para contribuír a dar un salto de calidade tecnolóxico e innovador ao tecido produtivo galego”, destacou.
Román Rodríguez puxo tamén en valor a importancia do Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros como polo tractor das iniciativas xurdidas ao abeiro do programa. De feito, poranse a disposición do alumnado as instalacións e medios materiais humanos do centro para facilitar o desenvolvemento destes proxectos avanzados no eido tecnolóxico e industrial e a transferencia de coñecemento aos sectores produtivos.
Mellores proxectos
InnovaTech FP dirixiuse a centros públicos de FP con dinámica de investigación, innovación e emprendemento, e que contan con viveiros de empresas ou aulas de emprendemento. Os participantes, organizados en equipos multidisciplinares e cunha distribución equitativa de xénero, tiveron que afrontar a solución de 10 retos tecnolóxicos presentados por distintas empresas referentes da nosa comunidade, e cuxas solucións deberán ter un impacto positivo no desenvolvemento do medio rural así como no fomento da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

Os centros con iniciativas premiadas, dotadas cada unha con 10.000€ para o desenvolvemento do proxecto, son os que se reflicten na táboa. Entre os 10 centros premiados, seleccionouse a maiores ao CIFP Valentín Paz Andrade de Vigo en resposta ao reto plantexado por Viaqua, como premio especial.

Empresa Reto Centro gañador
Viaqua Deseño dun sistema de autolimpeza para reixas de fosas sépticas de zonas rurais CIFP Valentín Paz Andrade (Vigo)
Pérez Rumbao Desenvolvemento de robots para o reparto de recambios en talleres de automoción IES Politécnico de Vigo (Vigo)
Diesemm Solución dixital para a optimización de experiencias en eventos deportivos CIFP Imaxe e Son (A Coruña)
Finsa Creación dun sistema de control de crecemento de especies forestais que permita a monitorización das condicións ambientais CIFP Ferrolterra (Ferrol)
Aceites Abril Sistema de medición rápida de graxas en pastas de refinado IES A Sardiñeira (A Coruña)
L’Oreal Solucións para a transformación de envases plásticos de produtos cosméticos en produtos duradeiros para salóns de peiteado IES Perdouro (Burela)
elPulpo Creación dunha colección téxtil reciclada IES A Pinguela (Monforte)
Roberto Verino Deseño dun sistema de análise para unha empresa téxtil que axude a optimizar propostas de colección e a medir a satisfacción do cliente CIFP Portovello (Ourense)
Fundación San Rosendo Desenvolvemento dun sistema tecnolóxico para o coidado activo e preventivo de persoas maiores CIFP Politécnico de Lugo (Lugo)
Naturgy Deseño de ferramentas para a detección de perdas de enerxía eléctrica para contribuír á súa redución CIFP Valentín Paz Andrade (Vigo)

 

 

InnovaTech FP enmárcase na Estratexia de FP Galicia 2030 e no Plan Innova FP Galicia e desenvolverase entre o presente curso 2023-24 e o próximo 2024-25, ao longo dos cales mobilizaranse máis de 2.000 alumnos e 400 profesores de 100 centros de FP, o que suporá un investimento de 1,5M€ neste período. Nesta primeira edición participaron 85 centros e arredor de  800 alumnos.

Deja un comentario